Tuesday 16 de April de 2024

Paula Aneiros condensa nunha exposición a súa interpretación da muller do/no rural


A mostra pode visitarse na galería da Casa do Concello de San Sadurniño durante este mes de novembro e parte de decembro

A Concellaría de Cultura de San Sadurniño mantén aberta durante todo este mes e parte do que vén a mostra “Medrando no Rural”, da artista plástica Paula Aneiros. As catro paredes da galería da Casa do Concello énchense con imaxes e obxectos a xeito de recordatorio sobre como “o Rural” -entendido como espazo físico, de cultura, tradición e vida- se constrúe en feminino e como ser muller nun entorno rural é hoxe unha realidade moi afastada de estereotipos que aínda perviven (sobre todo nos contextos urbanos). Ademais, a exposición busca a complicidade do público facéndoo partícipe dunha das obras, concibida como un “work in progress” no que as e os visitantes poden deixar a súa propia contribución en forma de mensaxe. A exposición pódese percorrer nos horarios de atención ao público das oficinas municipais: de luns a venres entre as 8:30 e as 14:30h.

A creación plástica local vive un momento moi doce. Vímolo no verán coa excepcional colección de foto-collages “Sentires recortables”, de Tamara Painceira, e co mural de Carlos García & Marina Goti que preside a chegada ao centro urbano. E, agora, vémolo de novo coa proposta “Medrando no Rural” que nos trae a artista afincada en Santa Mariña Paula Aneiros.

Formada en Belas Artes, Aneiros xa leva dadas unha chea de mostras do xeito que ten de reinterpretar o mundo para logo destilalo en obras limpas, moi sinxelas, pero que identifican un estilo propio que, no caso da exposición na galería municipal, nos evoca os novos códigos da comunicación visual que marcan as redes sociais ou a publicidade, só que neste caso se combinan en distintos soportes e linguaxes cun único obxectivo: reivindicar a muller do rural.

A propia creadora explícao así: “A muller do rural sempre demostrou ser un ”todo”, casa, familia, traballo, entorno… sumado á dificultade de vivir no remoto. Nela consérvase a esencia desa muller forte e valente de onte, afincada agora no presente”. Unha explicación que se traduce, entre outras, na disposición de cadeiras brancas ancoradas á parede nas que Aneiros pousa mandilóns, cordas de saltar ou paxaros de papel. “No pasado a muller ficaba sentada na cadeira, con paciencia, esperando unha oportunidade. Esa cadeira coa que agora fai malabares para compaxinar unha vida nos confíns da terra, xa que non está sentada, agora súbese a ela para mirar o futuro dende un lugar máis alto”, comenta Paula Aneiros.

A creadora ten tras de si unha longa bagaxe artística que arestora comparte coa rapazada como coordinadora dos obradoiros de debuxo e pintura -a súa especialidade- promovidos pola Asociación Brío. Ademais tamén colabora habitualmente coa Concellaría de Cultura, como foi o caso do proxecto “Debullando Cores” que nos últimos dous anos axudou a darlle un novo aspecto a distintos espazos públicos do concello.

A última colaboración co departamento municipal -por agora- é precisamente “Medrando no Rural”, que xurdiu como fórmula para celebrar dun xeito distinto o Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro) e co obxectivo de desterrar estereotipos, xa que as mulleres que vivimos en zonas coma a nosa “a maioría non somos labregas ou gandeiras, senón panadeiras, floristas, xestoras, artesás, doutoras…”, explica a titular de Cultura, Amparo Calvo, engadindo que “todo o que se mostra nas imaxes e na montaxe de Paula Aneiros leva implícita a esencia de muller rural que nos identifica”.

“Medrando no Rural” é tamén unha exposición viva que se vai completando pouco a pouco mantendo un diálogo co público que a visite, e non só conceptual. De feito, unha das obras estase construíndo a xeito de mosaico multicor de “post-it” con achegas de quen queira deixar escrita a resposta á pregunta “Se eu che digo ‘Muller Rural’… cal é a primeira palabra que che vén á mente?”.

Quen queira contestar a esa cuestión, que daría para empapelar todo o Concello, pode facelo no que resta de mes e parte do que vén pasando pola galería do pazo nos horarios de atención ao público das oficinas municipais: de luns a venres entre as 8:30 e as 14:30h.